O Concello de Tordoia está hoxe máis preto de recuperar o
Dolmen de Castenda, un exemplo da riqueza megalítica situado no Alto da Medorra
que se perdeu na década dos anos 70 e do que agora existe un proxecto e unha
subvención da Deputación da Coruña que o podería traer de volta.
Trátase dun proxecto para realizar unha recreación do dolmen
a partir de toda a información recuperada grazas a unha prospección nos anos 90
e unha sondaxe arqueolóxica hai case tres anos, da que se optiveron datos que
permiten facer unha “recreación hipotética baseada na documentación
disponible”, explica o arqueólogo Juan José Alonso Brañas.
Brañas explicou que estamos fronte a un dolmen no que se
puido atopar unha peza de ámbar, un fragmento de doa e catro contas de
variscita (orixinalmente verdes) “que sitúan este xacemento xunto cun de
Silleda como os dous únicos galegos con presenza de ámbar que no caso de
Tordoia podería proceder de Teruel, segundo as análises realizadas no centro de
astrobioloxia do CESIC”, explicou Brañas. O arquéologo responsable da sondaxe
explicou que parece que se trata dun dolmen de sete ortoestados e cuberta.
“Temos catro ortoestatos no sitio, pero deberon de sacar
algunha pedra nos anos 50 e o dolmen inclinou, que é como a xente o recorda.
Nótase que houbo unha zona que se desfixo en época máis antiga, incluso hai
marcas de barreno. Outra das pezas foi a unha ponte sobre o río Chonia, aos seu
paso por Vilar, en Castenda. Pero o feito de poder contar coa pedra de
cubrición permítenos facer unha estimación do diámetro do dolmen.”
Situado nunha finca particular, o Concello acadou unha
subvención da Deputación da Coruña por un importe de 9.500 euros para proceder
a acometer os traballos arqueolóxicos precisos para a reconstrucción deste
monumento megalítico, do que parece que xa se sacara algunha pedra na década
dos 50 e que quedou definitivamente destruído nos 70, para ampliar superficie
de cultivo. Unha vez presentado o proxecto de reconstrucción, o Concello agarda
agora polo informe de Patrimonio que será o que determine o lugar exacto no que
se podería situar a recreación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario