A excursión promovida polo Concello de Tordoia para os seus
veciños da terceira idade rematou o pasado venres coa última quenda de maiores
que viaxaron á comarca do Barbanza. En total, foron 300 veciños e veciñas do
Concello de Tordoia maiores de 65 anos os que tiveron a oportunidade de
achegarse ata as paisaxes e a natureza desta parte da costa galega.
A iniciativa fixo posible que, ao longo de tres xornadas
(23, 24 e 31 de agosto) os veciños das distintas parroquias do municipio
puideran disfrutar desta viaxe nas distintas quendas. Así, na primeira xornada
acudiron os veciños das parroquias de Viladabade, Anxeriz e Andoio mentres que
os de Gorgullos, Leobalde, Numide e Castenda tocoulles a segunda quenda e
finalmente Cabaleiros, Bardaos e Tordoia puxeron punto e final a esta
iniciativa do concello. En cada quenda fletáronse dous autobuses para dar
cabida ás persoas que se inscribiron para participar, cun coste de 22 euros por
persoa.
Un importe que daba dereito a facer un percorrido pola zona
do Barbanza, con visitas ás localidades de Noia, Aguiño, Ribeira e Porto do
Son, onde se fixo a comida no restaurante Fraga Balada e tamén houbo tempo para
o baile. O alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, manifestábase moi satisfeito da
boa acollida desta iniciativa, que os veciños e veciñas do Concello souberon
aproveitar ao máximo, “convertíndoa nunha xornada animada e, sobre todo,
diferente”, explicou Pereiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario