No 2015 na festa dos veciños habera unha pulpeira según se acordou na festa deste ano ASOCIACIÓN DE VECIÑOS VILADABADE: A CORPORACIÓN MUNICIPAL DO CONCELLO APROBA UN PLAN DE AXUSTE DIRIXIDO A AFORRAR PRETO DE 200.000 EUROS

martes, 3 de abril de 2012

A CORPORACIÓN MUNICIPAL DO CONCELLO APROBA UN PLAN DE AXUSTE DIRIXIDO A AFORRAR PRETO DE 200.000 EUROS


O Pleno municipal do Concello de Tordoia aprobou o pasado xoves 29 de marzo por uninimidade o Plan de Axuste proposto pola corporación municipal nun pleno de carácter extraordinario ao que non acudiu a oposición por adherirse ao día de folga xeral, aínda que sí recoñeceron que o pleno estaba ben convocado. Así, coa ausencia dos tres concelleiros do grupo socialista que compoñen a oposición, o alcalde de Tordoia expuxo o plan de viabilidade previsto polo goberno local e no que se prevén unha serie de medidas conducentes tanto a incrementar o capítulo de ingresos como a diminuir o de gastos. Segundo explicou o rexedor, Antonio Pereiro, “o noso obxectivo é acadar un aforro neste exercicio de arredor de 200.000 euros”.

Entre as medidas establecidas polo plan de axuste esixido polo do Real Decreto-Lei 4/2012 ao que se acolleu o Concello de Tordoia establécese unha previsión da reducción dun 25% no capítulo de persoal e unha reducción da mesma porcentaxe no capítulo de bens e servizos, que se traducirá nun aforro na factura da electricidade, teléfono, publicidade, suministro de materiais e gastos de mantemento. Neste sentido, Pereiro incidiu especialmente no capítulo da factura da luz no que o Concello xa leva traballando algún tempo co obxecto de acadar un considerable aforro: “actualmente o gasto neste capítulo é de 2€ por mes e habitante e o noso obxectivo é deixalo en 1,4€”, explicou. Ademais o rexedor tordoiés anunciou que non se contratará máis persoal que aquel para o que se conta cunha subvención do 100%. De igual xeito, no capítulo de investimentos tan só se acometerán as obras máis urxentes e aquelas para as que o Concello acade unha subvención do 100%. “As veces as subvencións son un regalo envenenado xa que nos obriga a asumir unha parte da obra e adiantar uns cartos que logo a Administración Pública tarda bastante tempo e abonar”, reflexionaba o Alcalde de Tordoia.

Neste sentido, Antonio Pereiro explicou que boa parte do que o Concello adebeda encádrase no capítulo de investimentos. “Actualmente o Concello adebeda facturas por un total de 1.400.000 euros dos que máis do 60% corresponde a investimentos. De feito tamén temos máis de 450.000 euros que nos adebedan as distintas administracións públicas (Deputación e Xunta) e que aínda non nos abonaron. Por iso a solicitude do crédito ICO ao que nos acollemos foi de 950.000 euros que teremos que amortizar nun prazo de 10 anos con dous anos de carencia”, explicou Pereiro Liñares, quen entende que a medida será moi positiva para que os provedores poidan cobrar os cartos que se lles adebedan.

Actualización de padróns fiscais

Xunto con estas medidas, o Plan de Axuste previsto polo Concello de Tordoia inclúe a necesidade de asinar coa Deputación os convenios necesarios para actualizar os padróns fiscais e a aplicación das ordenanzas fiscais para a recadación dos diferentes feitos impoñibles. Estas medidas traduciranse nunha suba das taxas de lixo, IBI e contribución axustando o recadamento ao coste real do servizo. Esta medida está dirixida fundamentalmente á recollida de lixo que, ao longo destes anos foi lastrando as contas municipais posto que apenas se repercutía no veciño o 50% do coste real do servizo de recollida de lixo. En canto á revisión das taxas, Antonio Pereiro explicou que a medida non é nova, xa que se contemplaba no plan de austeridade posto en marcha o ano pasado e aprobado polo pleno municipal o pasado mes de outubro. Polo tanto a medida non significa novas taxas senón que se trata de recoller no plan de axuste unha medida que funciona desde o ano pasado como son as taxas polo uso do pavillón municipal, os locais sociais ou a Casa da Cultura.

Por último, o plan recolle tamén a necesidade de optimizar ao máximo o traballo no Concello, mellorando a estrutura organizativa e elaborando un organigrama de funcións e definicións do traballo de cada un dos departamentos. O obxectivo final de todas estas medidas será, como para o resto dos concellos, ir cadrando as contas municipais e aforrar os cartos precisos para amortizar o crédito ICO.


No hay comentarios:

Publicar un comentario