O Concello de Tordoia ven de dar o visto bo para o inicio inmediato das obras que permitirán a instalación dunha centraliña telefónica que de servizo de banda ancha á parroquia de Gorgullos. A nova infraestrutura correrá a cargo de Telefónica, por ser esta empresa a gañadora do concurso da Xunta de Galicia para a extensión da banda ancha no rural (PEBAX). Isto supón que o establecemento da banda ancha nesta parroquia beneficiará a preto de 500 veciños e non suporá coste algún ao Concello, que soamente cedeu os terreos para poder facer o acondicionamento do muxfin (centraliña).
Segundo avanzou o rexedor tordoiés, Antonio Pereiro, a infraestrutura estará situada no núcleo de Portociños, parroquia de Gorgullos, onde se acometerá a construcción dunha arqueta e un pedestal para a instalación do armario onde se ubicará a centraliña, ademais de proceder a realizar unha canalización de seis metros que permita enlazar coa rede telefónica existente. Segundo comunicou Telefónica ao Concello, o servizo podería poñerse en marcha nun prazo de tres meses, na que será a primeira das instalacións destas características que se fai no Concello de Tordoia.
Non obstante, Pereiro Liñares xa avanzou que o Concello está a estudiar outras posibilidades para ofrecer internet no rural e mellorar a cobertura telefónica a través dunha empresa privada que, mediante un módico precio, podería ofrecer este tipo de servizo para parroquias como Viladabade ou Andoio. “Cada vez é máis importante ter acceso ás novas tecnoloxías, estar ben comunicado e o noso obxectivo é traballar para poder ofrecer unha mairo cobertura no municipio de Tordoia, algo moi importante pois se trata dun municipio no que a cobertura e, sobre todo, as velocidades de navegación son moi baixas”, explicou o Alcalde.

No hay comentarios:
Publicar un comentario