O pleno da Deputación da Coruña deu na súa última sesión ordinaria luz verde a un investimento de máis de medio millón de euros que se destinará a acometer obras en diversas estradas da bisbarra compostelá co fin de mellorar a súa seguridade vial. Así, aprobouse unha contía total de 569.123,63 euros que se destinarán aos municipios de Ames, A Baña, Boqueixón, Val do Dubra e Tordoia.En canto ás actuacións, en Boqueixón levarase a cabo o arranxo dalgunhas zonas da DP-1201. O presuposto ascende a un total de 16.637,52 euros. No caso da Baña, destinaranse 50.358,64, con cargo ao Plan de Sendas Peonís 2011, para a creación destes sendeiros a ambas as dúas marxes da estrada provincial ao seu paso por Vilar de Torre. Ademais, acometerase a canalización de pluviais.
Tamén con cargo a este plan crearase unha senda peonil na DP-8401 ao seu paso por Tordoia e que servirá de enlace entre o lugar de Tarroeira e as vivendas máis afastadas polo menos por un lado da estrada. O presuposto ascende a 66.890 euros.
A actuación con maior contía é a mellora da DP-0701 ao seu paso por Ames, con 309.040,35 euros. En Val do Dubra investiranse 126.197,12 euros para mellorar o estado da DP-1914.
Fonte: Tierras de Santiago
No hay comentarios:
Publicar un comentario