O Partido Popular impúxose claramente na inmensa maioría dos municipios de Terras, tanto por porcentaxes coma por cifra de votos. O PSOE caeu en todos os concellos, a pesar de que en Negreira e Silleda manteñen unhas porcentaxes de seguidores destacados, co 28 e 26% na orde de mención.
En canto ao BNG, baixou lixeiramente, pero aumentando os seus votantes en Pontecesures, Ames, Brión, Silleda e Rois (en Ames e Negreira crece, pero unicamente en porcentaxe), mentres que os apoios se manteñen en torno a un 16% en Arzúa, Dodro, Frades,Teo e Val do Dubra.
Desta forma, o centro dereita imponse claramente, cun tanto por cento de adeptos aos seus postulados que se dispara en municipios como o de Tordoia, onde alcanzou o 74% (en 2008 apenas foi do 61%); o de Santa Comba, pasando do 52% ao 69%; Trazo, do 56% ao 68% e Rois, cunha porcentaxe do 67%, fronte ao 59% de 2008, tanto por cento moi parecido ao aumento rexistrado no Piñeiro (onde os populares pasaron do 69 ao 67%).
En canto aos casos máis curiosos, destaca o de Tordoia. Alí, os socialistas pasaron de convencer 828 veciños en 2008 (logrando o 28% dos votos) a descender a 389 sufraxios en 2011, o que se traduce nun 14% de apoios. En Brión esta formación só subiu un voto en case catro anos, mantendo tamén as porcentaxes en ambos os dous comicios.
En canto á participación global, os municipios de Terras roldaron o 73 por cento xeneralizado en Galicia, se ben houbo honrosas excepcións á alza (en Dodro superou o 81%; Boqueixón rozou o 79% e Padrón chegou ao 75%). Pola contra, baixou do 70% en Brión, Frades e Melide (municipio que apenas chegou ao 65%).

No hay comentarios:
Publicar un comentario