O Concello de Tordoia ven de abrir o prazo para recoller as
solicitudes daquelas persoas que aspiren a seren beneficiarios do Programa de
Alimentos e Emerxencia Social. Dirixido a familias con escasos recursos
económicos ou en risco de exclusión social. Aínda que son poucas as familias
deste municipio que se atopan nesta situación, os servizos sociais muncipais
están abertos para resolver calquera dúbida sobre os requisitos e a
tramitación. Ademais, desde este mesmo departamento, infórmase de que tamén está
aberto o prazo para que os beneficiarios de pensións non contributivas opten a
un complemento económico para o aluguer de vivenda.
Para a tramitación da
AES, os interesados deberán poñerse en contacto cos Servizos Sociais do
Concello de Tordoia antes do 15 de febreiro. Para facer a solicitude será necesario achegar DNI ou pasaporte; certificado de empadroamento e
convivencia; xustificante de calquera ingreso que se perciba e declaración do
IRPF ou certificado de imputacións.
No caso do complemento económico de 525 euros anuais para a
vivenda de aluguer, o prazo para a solicitude está aberto durante todo o ano e
é compatible coas persoas beneficiarias de pensións non contributivas de
xubilación e invalidez que carezan de vivenda en propiedade e residan de forma
habitual nunha vivenda alugada como titular do contrato, sempre que o
propietario daquela non teña relación de parentesco co pensionista ata o
terceiro grao.
No hay comentarios:
Publicar un comentario